martes, 26 de maio de 2020

Actividades de Ritmo e Expresión Corporal

Pasamos a traballar un novo contido de Educación Física: Expresión Corporal e Ritmo. Desta vez tedes a posibilidade de elixir entre 3 tipos de actividades distintas que se describen a continuación. Podedes facer unha actividade, dúa ou tres. O que vos apeteza. Como xa sabedes podedes mandar o resultado dos vosos traballos ao correo edufanxo@gmail.com. 
O último día para enviar os traballos é o martes 2 de xuño.

ACTIVIDADE 1: REPRESENTA UN CADRO OU ESCULTURA

Trátase dunha actividade que se puxo de moda durante a cuarentena. En primeiro lugar tedes que escoller un cadro (ou escultura) coñecido. Utilizade as cousas que teñades na casa, botádelle imaxinación e non dubidedes en pedir axuda á familia se é necesario. Colocade todo o que necesitedes, posade e facede un ha fotografía para ver o resultado.
Se queredes podedes enviar dita fotografía do VOSO CADRO e outra DO CADRO ORIXINAL ou ben o NOME DO CADRO E AUTOR.
No ASUNTO do correo debedes escribir CADRO e o VOSO NOME E CURSO.
Aquí tedes un exemplo do cadro Muchacha en la ventana de Salvador Dalí publicada no xornal Faro de Vigo:



ACTIVIDADE 2: COREOGRAFÍA (MELLOR EN FAMILIA)

Escolle unha coreografía ou baile sinxelo que dure entre 1 e 2 minutos. Se pode ser con algún ou tódolos membros da familia, moito mellor. Ensaia e cando teñas os pasos aprendidos envía un mail co teu vídeo. Engade no mail o nome da canción ou cancións que bailes e o seu intérprete. Recorda,a máxima duración do vídeo será de arredor 2 minutos. 
A coreografía é libre pero aquí tes algunhas suxerencias e exemplos por se te resultan útiles:
- "Animarius": coreografías sinxelas e de diversos temas de arredor dun minuto de duración.
- "Just Dance Kids": coreografías de tódolos tipos e para distintas idades cunha duración aproximada de 2 minutos.
- "Kidz Bop". grupo xuvenil con coreografías de temas actuais aínda que con algo máis de dificultade.
- "Everybody": coreografía sinxela do clásico tema do grupo Take That.
- "Sofía": divertida coreografía do tema de Álvaro Soler.
- "Can´t stop the feeling": coreografía deste tema que forma parte da banda sonora da película Trolls.
- "Tik Tok": supoño que moitos de vós, especialmente os máis maiores, coñecedes esta aplicación. Se queredes podedes escoller algunha das coreografías que nela se propoñen.
Envía o vídeo co resultado da coreografía (recorda que se é en familia, moito mellor) indicando no ASUNTO do correo COREO e o teu NOME E CURSO.

ACTIVIDADE 3: EMOJIS

Escolle un emoji. Intenta imitar este emoticono usando só os teus xestos e, se é necesario, as túas mans. Podedes usar complementos se é necesario: gafas, sombreiros...
Envía un correo coa túa fotografía e tamén coa imaxe do emoji escollido No ASUNTO indica EMOJI e o teu NOME e CURSO.
Aquí tes un exemplo:

Emojis: Este actor trata de imitarlos en un divertido video ...

Fonte orixinal da foto: https://www.lifeboxset.com/

A idea para esta actividade xurde dunha proposta da mestra Josune Fernández Negro.

Por último decirvos que se algún de vós quere facer algunha das actividades pero non desexa enviar foto ou vídeo, podedes esccribir un correo no que contedes que vos pareceu a actividade e porque escollichedes dita actividade.

luns, 18 de maio de 2020

Celebración e montaxe das Letras Galegas

Moitas grazas a todos e todas polas vosas aportacións feitas trala visita á nosa Feira das Letras Galegas. Con elas fixemos esta montaxe para que poidades ver as ideas aportadas por tódolos compañeiros e compañeiras. En primeiro lugar aparecen as vosas "fichas" e fotos con información sobre xogos populares. A continuación o resultado da elaboración dos vosos xoguetes tradicionais. En terceiro lugar fotos e vídeos coa creación dos vosos instrumentos. Continúa o vídeo con obras de artesanía tradicional de tódolos tipos e para tódolos gustos . E para rematar recomendámosvos que non deixedes de ver a muiñeira colectiva creada gracias á participación de varios de vós.
Se vedes que hai algún erro ou falta algunha das vosas aportacións podedes indicalo deixando un comentario nesta entrada ou enviando un correo a edufanxo@gmail.com

ACTUALIZACIÓN DO VÍDEO: tralos correos recibidos actualizamos o vídeo incluíndo (na parte de xogos, xoguetes e muiñeira) a algúns de vós  que por despiste e "problemas técnicos" non aparecíades antes. Ademais agora podedes escoitar o son dos instrumentos que creachedes. Desculpade as molestias e agora si que penso que estamos todos e todas.





domingo, 10 de maio de 2020

Feira das Letras Galegas

O 17  de maio celebramos o Día das Letras Galegas e este ano intentaremos desfrutar del  desde casa. Invítamosvos a participar nunha Feira Virtual onde podedes visitar distintos "postos" ou "talleres"  sobre cultura tradicional galega con actividades de Música, Plástica, Biblioteca ou Ed. Física.
En primeiro lugar facede unha visita a todos os "talleres" para leer a información que vos ofrecen. Dentro de cada "taller" hai unha tarefa coas instrucións pala levala a cabo. Debedes escoller, polo menos, dúas tarefas (se queredes podedes facer máis). Unha tarefa ten que ser de Plástica ou Música e a outra debe ser de E. Física. Relizádeas tal e como se explica e enviádeas á dirección de correo que se indica en cada unha delas. Ollo que o correo pode ser para a mestra Andrea ou o mestre Gerardo, fixádevos ben. Por último non olvidedes incluir o ASUNTO que se indica nas instrucións e o VOSO NOME E CURSO. O último día para enviar os traballos será o sábado 16 de maio as 14:00 h. Se tedes algunha dúbida sobre as tarefas de EF podedes escribir a edufanxo@gmail.com ou deixar un comentario nesta entrada. Esperemos que vos guste a actividade!


Programa "Movete Connosco"

Compartimos un proxecto lanzado desde a Xunta de Galicia para promover a actividade física durante este período de confinamento. 
O sedentarismo é unha pandemia cuxos efectos se incrementan nestes tempos de confinamento. 
A actividade física e as técnicas de relaxación poden ser ferramentas útiles para axudar a manter a calma e seguir protexendo a saúde durante o tempo de confinamento.
Por iso é fundamental que, nas idades máis temperás onde se adquiren os hábitos, o noso alumnado continúe con rutinas de traballo físico que incidan sobre os compoñentes da condición física para a saúde (Resistencia  Cardio-respiratoria, Forza-resistencia muscular, flexibilidade e composición corporal), combinadas coas habilidades  motrices e  coordinativas.
Perante esta situación, a Dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dun grupo de especialistas en educación física e das súas familias deseñou unha programación semanal que permite ao alumnado traballar algúns destes aspectos.
Estes vídeos constan dunha serie de actividades físicas cunha duración de 15 minutos aproximadamente, deseñadas para ser desenvoltas na casa, sen apenas material específico e dunha maneira sinxela, divertida e significativa para o alumnado de educación primaria.
Na situación actual, o exercicio físico debe ser un dos maiores aliados para combater a tensión e a frustración dos e das pequenas. A idea é facelo sempre a través do lúdico e o xogo. Que aprendan xogando e xerarlles estímulo.




luns, 4 de maio de 2020

Libro de Merendas Saudables do Anxo

Grazas a vosa colaboración xa podemos desfrutar do "Libro de Merendas Saudables do Anxo". Nel podedes atopar máis de 40 ideas para facer as vosas merendas máis deliciosas e saudables. Se desde o índice queredes ir directamente a o tipo de merenda que máis vos interese só tedes que facer clic ou pulsar sobre ese tipo de merenda. Se vedes que hai algún erro ou falta algunha receita podedes facer un comentario nesta entrada e intentarei solucionalo. Espero que vos guste e sexa útil!

Podedes velo neste enlace en formato revista:

"Revista Merendas Saudables do Anxo"

Ou aquí abaixo en forma de documento.

DEFC no Anxo da Garda

Como ben sabedes o pasado 28 de abril celebrouse o Día da EF na Casa (inicialmente Día da EF na Rúa) e algúns de vos decidichedes participar enviando unha foto na que desedes a coñecer algunhas das aprendizaxes que se poden adquirir nas clases de EF. Aquí queda un collage e unha pequena montaxe con esas fotos que tamén enviaremos ao COLEF (Colexio de EF) de Galicia para que teñan constancia da nosa participación na conmemoración deste día.
Algúns de vós enviachedes vídeos que non se incluiron xa que a montaxe tiñamos que facela exclusivamente con fotografías. Moitas grazas de todas formas pola vosa colaboración.




domingo, 3 de maio de 2020

Actividades para Educación Infantil

Deixovos unha proposta con multitude de actividades pensadas específicamente para nenos de entre 3 e 6 anos. Este traballo foi relizado por estudiantes da Universidad Complutense de Madrid e organízase de forma similar a como traballamos a Psicomotricidade no cole. Hay distintas opcións; traballo por circuítos, traballo por rincóns, contos motores e xogos.
Se queredes botar un vistazo veredes que as actividades son sinxelas de levar a cabo e realmente adaptadas ao máis pequenos. Espero que vos resulten útiles! Só tedes que pulsar na imaxe: