Entre o 13 e o 17 de abril celebraremos de novo a nosa Semana Saudable para tratar de concienciar ó noso alumando da importancia de manter uns hábitos de vida saudables no referido a actividade física, alimentación e saúde mental. Deixamos un gráfico co resumo das actividades que realizaremos ó longo desta semana.
Semana Saudable 2526domingo, 12 de abril de 2026
sábado, 11 de abril de 2026
Os mestres e mestras rétante. Aceptas o desafío?
Algúns dos mestres do cole propoñémosvos varios retos que podedes intentar superar durante os recreos da nosa Semana Saudable. Só tedes que ver o vídeo, escoller os retos que prefirades e esforzarvos por acadar a marca establecida para o voso curso. Iso si, debedes buscar a un compañeiro/a que faga de observador e "certifique" que superáchedes o reto e así optar ó pequeno agasallo que están a elaborar os nenos/as de 5º e 6º de Primaria.
Anímadevos a participar!
xoves, 18 de setembro de 2025
De volta co Judo
Comezamos un novo curso e recuperamos unha actividade tradicional no cole como é a visita dun Club deportivo con gran arraigo no noso barrio como é o Judo Club Coruña.
A pasada semana visitáronnos Bernardo Romay, alma máter deste club, e Chechu, un dos mestres que imparten clases a nenos/as de todas as idades. Todo o alumnado de Primaria puido desfrutar dunha sesión na que, a través de diversos xogos e actividades, descubriron este deporte. Esta actividade forma parte da proposta "Coñece o meu Club" incluída dentro do noso Plan de Vida Activa e Deportiva. O seu obxectivo e promover a prática deportiva dos vosos fillos/as fóra do horario escolar achegando as propostas de clubs deportivos da nosa contorna.
Deixamos un vídeo con imaxes e momentos destas xornadas.
domingo, 22 de xuño de 2025
Oriéntamonos!
O pasado xoves 12 de xuño o alumnado de 4º a 6º de Primaria participou nunha carreira de orientación no Parque de Eirís. Nesta actividade o alumnado organizado en equipos de 2-3 compoñentes tivo que buscar, axudado dos seus mapas correspondentes, as balizas ubicadas en distintas zonas do parque. Con maior ou menor axuda, todos os nenos/as foron capaces de localizar todas as balizas e completar o percorrido. Esta actividade puido levarse a cabo grazas á colaboración de varias nais e pais que se ofreceron para axudar na actividade. A súa labor delimitando o percorrido e aconsellando ós nenos/as durante a actividade resultou fundamental para que todo se desenvolvese segundo o previsto. Moitas grazas a Verónica, Mónica, Julio, Tomás, Avelino e Patricia, ademais de María Gabriela, Virginia e Vanessa que no último momento non puideron asistir pero tamén se ofreceron como colaboradoras. Deixamos fotos da xornada que esperamos que vos gusten.
xoves, 19 de decembro de 2024
Seguimos aprendendo a salvar vidas
Este ano, ademais, iniciamos a nosa colaboración cun estudio da Universidade de Santiago de Compostela relacionado coa ensinanza da RCP (reanimación cardiopulmonar) en nenos/as destas idades coordinado por Aida Carballo, profesora da Facultade de Enfermería da USC. Desenvolveuse en 2 sesións de EF na que os vosos fillos/as aprenderon a actuar ante unha situación de emerxencia que requira a realización da RCP. Nestas sesións participou todo o alumnado de 3º a 6º de Primaria beneficiándose desta aprendizaxe tan importante para a vida. Ademais nestas sesións os nenos/as poderon usar maniquíes especiais para a práctica da RCP e DESA (desfibriladores semiautomáticos) cedidos polo equipo investigador.
Tras estas 2 sesións de EF o equipo da Universidade de Santiago pasou polo centro no mes de decembro para avaliar ó alumnado a través dunha sinxela proba durante unha sesión de EF. Posteriormente, transcurridos 6 meses, realizarase unha nova avaliación para comprobar o grao de afianzamenteo da aprendizaxe da RCP.
Deixamos algunhas imaxes desta actividade.
mércores, 4 de decembro de 2024
Grazas, familias!
O pasado 22 de novembro celebramos a nosa sétima edición da carreira Kilómetros de Solidariedade promovida pola ONG Save the Children e que, nesta edición, pretendía recadar fondos para colaborar para as familias valencianas afectadas pola DINA.
venres, 27 de setembro de 2024
Fomentamos os hábitos saudables en EF
Durante as primeiras sesións de EF deste curso estamos a trabllar os hábitos saudables na vida diaria incidindo especialmente nos hábitos de alimentación. A través de diversos xogos o alumnado debe aprender a diferenciar entre alimentos saudables e non saudables (procesados e produtos con alto contido en azucre) e ademais a calisificar aquelas opcións saudables coa axuda do Prato de Harvard. Estas sesións serven para introducir a importancia das merendas saudables que, coma noutros cursos, comezaremos a realizar nos próximos días. Deixamos algunhas imaxes nas que se ve algunha destas actividades.
martes, 25 de xuño de 2024
Sen perder o rumbo
O pasado venres 14 de xuño o alumnado de 4º a 6º de Primaria participou nunha carreira de orientación no Parque de Eirís. Nesta actividade o alumnado organizado en equipos de 3 tivo que buscar, axudado dos seus mapas correspondentes, as balizas ubicado en distintas zonas do parque. A pesar de que ameazou choiva a climatoloxía respetounos e poidemos celebrar todas as quendas de carreira. Con maior ou menor axuda, todos os nenos/as foron capaces de localizar todas as balizas e completar o percorrido. esta actividade puido levarse a cabo grazas á colaboración de varias nais e pais que se ofreceron para axudar na actividade. A súa labor delimitando o percorrido e aconsellando ós nenos/as durante a actividade resultou fundamental para que todo se desenvolvese segundo o previsto. Moitas grazas a Montse mailo seu pai (perdón por non recordar o nome), Gabriela, María, Richard e tamén a Cristina, Isabel e Miriam que no último momento non puideron asistir pero tamén se ofreceron como colaboradoras. Deixamos fotos da xornada que esperamos que vos gusten.
xoves, 20 de xuño de 2024
Peregrinos por un día
O pasado 27 de maio o alumnado de 5º e 6º dePrimaria desprazouse ata
Melide para realizar parte da etapa do Camiño de Santiago que une esta
localidade con Arzúa. Tivemos sorte e a climatoloxía foi favorable ó
longo da mañá o que nos permitiu completar a etapa planificada de 11
kilómetros aproximadamente en algo menos de 4 horas, incluíndo a parada para a
merenda realizada en Boente. De este xeito, chegamos á área fluvial de
Ribadiso arredor das 14:00 para xantar e descansar antes de partir no
bus rumbo a Santiago de Compostela onde durante un par de horas
visitamos a praza do Obradoiro e os seus arredores. Foi un xornada
completa que todos desfrutamos e da que vos deixamos un pequeno recordo
en forma de montaxe fotográfico.
Vídeo Etapa Melide- Ribadiso 5º e 6º de Primaria 23-24
martes, 14 de maio de 2024
Coñecemos o piragüismo
O pasado venres 10 de maio tivemos a oportunidade de coñecer o deporte do piragüismo grazas á colaboración da SD As Xubias. Sara, unha das adestradoras que traballa neste club, impartiu dúas sesións a cada un dos grupos de 4º de Primaria nas que os vosos fillos/as puideron familiarizarse coas piraguas aprendendo aspectos básicos sobre como remar e desprazarse no medio acuático. Sen dúbida todos e todas desfrutamos moitísimo da mañá coa sorte de que tivemos un sol espectacular que nos acompañou ó longo de toda a actividade. Esta actividade está enmarcada dentro do noso Proxecto de Vida Activa e Deportiva e dentro do mesmo na iniciativa "Coñece o meu club" coa que pretendemos que o noso alumnado coñeza os clubs e entidades deportivas da nosa contorna máis próxima para ter distintas opcións coas que ocupar o seu tempo de lecer de forma activa e saudable. Unha vez máis grazas á SD As Xubias pola súa colaboración e se quedachedes con ganas de máis non o dubidedes, contactade co club e probade a adestrar con eles. Deixamos un pequeno vídeo da actividade.
venres, 10 de novembro de 2023
Coñecemos a esgrima
Durante a semana do 2 ó 6 de outubro visitounos o Club de Esgrima Centolos da Coruña para que puidésemos coñecer máis de preto este deporte. En concreto Javi, esgrimista e mestre doclub, impartiu dúas sesións a todos os cursos de Primaria na que os vosos fillos/as puideron aprender os movementos e xestos básicos da esgrima mentres se divertían realizando todo tipo de xogos e tarefas. Esta actividade está enmarcada dentro do programa "Coñece o meu club" que forma parte do noso Plan de Vida Activa e deportiva e que co que pretendemos fomentar a práctica de actividade física dentro do tempo de lecer dos vosos cativos e cativas fóra do horario lectivo. Aquí vos deixamos algunhas imaxes destes días.
Aprendendo a salvar vidas
Por segundo curso consecutivo, desde a área de EF, realizamos no centro un obradoiro de Primeiros Auxilios e actuación ante emerxencias para o alumnado de Primaria. Neste obradoiro traballamos contidos relacionados coa composición do botiquín de primeiros auxilios e o seu uso ante accidentes leves, a actuación ante emerxencias e como avisar ó servizo de emerxencias (112) e, no caso dos maiores de 4º a 6º, aprendizaxe e práctica da maniobra de RCP grazas ós maniquís emprestados un curso máis polo proxecto ANXOS (adestrando a nenos e xóvenes en salvar vidas) Foi una experiencia sen dúbida moi enriquecedora e que intentaremos que teña continuidade en vindeiros cursos. Deixamos algunha imaxe da actividade.
xoves, 9 de novembro de 2023
V Carreira "Kilómetros de Solidariedade"
O próximo venres 17 de novembro para conmemorar o Día Mundial dos Dereitos da Infancia celebraremos a nosa quinta edición da Carreira Solidaria "Kilómetros de Solidariedade" organizada pola ONG "Save the Children". A carreira terá lugar nun percorrido que delimitaremos, no Parque de Eirís.
Nesta edición, coma na do curso pasado, os fondos recadados polos colexios participantes de toda España irán destinados a un fondo de emerxencia que se usa en distintos tipos de situacións e especialmente no caso de conflitos bélicos. Neste enlace tedes toda a información sobre como se usan os fondos recadados nesta actividade.
https://www.savethechildren.es/actualidad/preguntas-frecuentes-para-las-familias-coles
- Busca de “patrocinadores”.
- Celebración da carreira.
- Recadación do diñeiro dos “patrocinadores”.
Agradecemos de antemán a vosa colaboración por pequena que poida parecer e recordade que cun pequeno “grao de area” entre todos podemos axudar aos que máis o necesitan.
mércores, 20 de setembro de 2023
No recreo xogamos todas e todos!
A vindeira semana comezarán os patios dinámicos para Infantil e Primaria dando continuidade ó proxecto de centro comezado xa fai dous cursos. A través deste proxecto, tendo en conta a opinión de mestras e mestres, alumnado e familias, intentamos crear distintas zonas de actividade para atender ós diferentes gustos e intereses dos nenos/as durante os tempos de recreo, de xeito que todas e todos teñan a oportunidade de divertirse e participar deste tempo de lecer. Con esta intención o patio divídese, tanto na primeira quenda (Infantil, 1º e 2º) como na segunda quenda (3º.6º Primaria), en diversas zonas de actividade e lecer.
Neste enlace podedes acceder a unha táboa coa organización dos espazos que se describen con máis detalle a continuación.
Táboa resumo coa organización de espazos nos recreos
Zona 2:
Zona 3:
Zona5:
Cercana ás escaleiras de subida será a zona creativa, do horto e xogos populares. Pouco a pouco estamos acondicionando a zona (a través do pintado especialmente) para favorecer o xogo e desfrute dos vosos fillos/as. Ademais nesta zona pódense empregar materiais como cordas, gomas elásticas, peóns ou zancos.
Zona 6:
Zona de xogos infantís, bancos e rocódromo.
O alumnado dos cursos superiores será o encargado de xestionar, repartir e recoller o material.
A medida que avance o curso iremos observando e avaliando as necesidades do patio ademais de introducir novas actividades e materiais que poidan ser empregados pola rapazada neste tempo de lecer.
Deixamos a continuación a cartelería que empregaremos no patio para delimitar zonas de xogo e clarificar normas de uso e funcionamento.
Benvidas/os ó curso 2023-24
Comezamos un novo curso e desde a área de EF queremos recordar as normas básicas de funcionamento nas nosas clases que resultan de gran importancia non só por supoñer unha parte importante da calificación do alumnado senón porque do respecto ás mesmas depende que exista un correcto funcionamento das sesións nesta área. Ademais tamén deixamos, de forma permanente, un enlace na columna da dereita do blog coa planificación dos contidos a traballar en EF ó longo do curso nos distintos cursos de Primaria.
venres, 23 de xuño de 2023
Aprendendo a orientarnos
O pasado venres 23 de xuño o alumnado de 3º a 6º de Primaria participou nunha carreira de orientación no Parque de Eirís organizada polo Club Orientación Coruña. Nesta actividade o alumnado organizado por parellas tiveron que buscar, axudados dos seus mapas correspondentes as balizas ubicado en distintas zonas do parque. Non foi sinxelo, apretaba o calor e había que estar moi atentos e concentrados para non desorientarse. Porén, con maior ou menor axuda, todos os nenos/as foron capaces de localizar todas as balizas e completar o percorrido. Tamén estieron presentes algunhas nais e pais que colaboraron na actividade e incluso tiveron que ser aconsellados por algún neo/a para localizar correctamente algunha das balizas... Deixamos fotos da xoranada que esperamos que vos gusten.
mércores, 14 de xuño de 2023
Bo camiño!
O pasado luns 29 de maio o alumnado de 5º e 6º de Primaria desprazouse ata Miño para realizar o tramo do Camiño Inglés que une esta localidade con Betanzos. Previamente, no cole, explicaramos as características da etapa e deramos consellos básicos para realizar unha andaiana de certa duración como foi o caso xa que a distancia percorrida acercouse ós 11 quilómetros. A etapa transcurriu sen incidencias importantes e acompañados dunha moi boa climatoloxía. A pesares da calor, o feito de que a maior parte do camiño transcurrise por zona sombreada fixo a andaina moi "levadeira". A metade de camiño fixemos unha parada para a merenda da mañá e, xa en Betanzos, repuxemos forzas comendo para realizar una actividade de "Busca do Tesouro" organizada por Bea, unha monitora do concello, que nos permitiu coñecer máis curiosidades desta centenaria vila. A chegada ó cole produciuse arredor das 18:00 ca rapazada cansada despois do esforzo pero satisfeita de poder converterse por un día en peregríns do Camiño de Santiago,
Deixamos a continuación algunhas fotos que esperamos que vos gusten.
luns, 12 de xuño de 2023
Coñecendo a capoeira
O luns e martes 5 e 6 de xuño visitou o noso centro Fran, mestre de capoeira do Club Coruña de Ouro. Nunha actividade dirixida a todo o alumnado de Primaria e 6º de Infantil achégamonos a este disciplina a través do coñecemento de diversos instrumentos musicais e da práctica dalgúns dos pasos, xestos e movementos máis característicos desta modalidade. Esta actividade está enmarcada dentro da iniciativa "Coñece o meu club" do noso PVAD (Plan de Vida Activa e Deportiva) e pretende fomentar a práctica de actividade física do noso alumnado fóra do horario lectivo a través do coñecemento de distintas posibilidades para tal fin.
Deixamos algúns vídeos e fotos a continuación. Esperamos que vos gusten.
martes, 3 de xaneiro de 2023
Carreira de Campo a Través
O pasado venres 16 decembro o alumnado de 2º a 6º de Primaria do noso colexio participou xunto con outros centros da zona de Cambre e Coruña na carreira de campo a través organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte a través do Programa XOGADE no qu estamos inscritos como parte do noso PVAD (Proxecto de Vida Activa e Deportiva).
O evento tivo lugar co complexo deportivo de Acea de Ama onde se delimitaron percorridos adapatados a cada unha das categorías que ían a participar. Foi unha mañá chea de nervios , esforzo e superación para os vosos fillos e fillas xunto con outros nenos e nenas da súa idade.
Deixamos algunha foto do momento da saída de algunhas das quendas.
mércores, 21 de decembro de 2022
Coñecendo a escalada
Para rematar o primeiro trimestre os días 7 e 14 de decembro o alumnado de 5º e 6º de Primaria participou nunha actividade de iniciación á escalada promovida por AMI (Agrupación de Montañeiros Independentes) en colaboración co Concello da Coruña. O primeiro día o alumnado de 6º achegouse ás instalacións que esta agrupación ten preto do Parque de Santa Margarita para desfrutar dunha sesión práctica de escalada tras unha breve introdución teórica a este deporte onde tamén se recordarán aspectos importante sobre cuestións técnicas e teóricas. Unha semana máis tarde foi o turno para os nenos e nas de 5º de Primaria que puideron desfrutar dunha sesión idéntica pero esta vez no rocódromo do frontón de Riazor recentemente reformado e ampliado e inaugurado uns días. É dicir, practicamente estrenaron as instalacións que están adaptadas para a práctica das distintas modalidades das que consta este deporte.
Esta actividade forma parte do noso PVAD (Proxecto de Vida Activa e Deportiva) e ten como obxectivo acercar distintas modalidades deportivas ó noso alumnado para que poidan supoñer unha opción saudable para o seu tempo de lecer. Se algún de vós está interesado na práctica habitual deste deporte ou doutros relacionados coa montaña non dubidedes en poñervos en contacto con esta agrupación (AMI) xa que ofertan cursos adapatados á idade dos vosos fillos e fillas. Deixamos a continuación un vídeo con algunhas u¡imaxes da actividade.


