luns, 26 de abril de 2021

Grazas, grazas e grazas!

O pasado 12 de abril celebramos, por segundo ano, a Carreira Quilómetros de Solidariedade promovida pola ONG Save the Children e que este ano pretende recadar fondos para mellorar a atención sanitaria de nenos e nenas da República Democrática do Congo.
A climatoloxía acompañounos e a celebración da carreira transcurriu sen ningún imprevisto. Pasamos unha gran maña chea de actividade física, música e sobre todo solidariedade. Ademais moitas familas vos achegachedes ao Parque de Eirís para animar aos rapaces e rapazas durante as súas quendas de carreira facendo que o ambiente da actividade fose inmellorable.
Pero a cousa non quedou aí xa que, un ano máis, o compromiso dos patrocinadores foi abraiante como así reflexa a cantidade que entre todos recadamos e que xa fixemos chegar a "Save the Children". Por todo isto, pola vosa implicación e colaboración na actividade só podemos dicir "Grazas, grazas e grazas!".
Deixamos a continuación un pequeno collage con algunhas imaxes da Carreira e tamén un enlace ao documento PDF co recibí que nos enviou a ONG "Save the Children" no que se reflexa o ingreso da recadación realizado polo colexio a semana pasada. 



mércores, 21 de abril de 2021

"CamiñAnxo" - Fin da aventura

 Chegamos ao remate do noso desafío e só podemos agradecer a vosa participación e implicación xa que foron case 1200 quilómetros os sumados polas familias do club ao longo do trimestre que acaba de finalizar. Isto fixo que fosemos quen de completar a parte galega de 6 Camiños distintos sendo o último o Camiño Primitivo que partiu do Alto do Acevo e ao longo de 159,2 quilómetros nos levou unha vez máis a Santiago de Compostela. Concluímos esta actividade pero intentaremos propoñer algunha actividade máis en familia de cara ao terceiro trimestre. En principio deixaremos o club aberto ata final de curso por se xurde alguna nova proposta na que poida resultar útil o uso desta App. Por suposto, se queredes podedes abandonar o club en canto queirades. Un saúdo para todas as familias e, de novo, moitísimas grazas pola vosa participación!

Deixamos coma sempre, unha imaxe cos segredos deste camiño e un PDF coa Compostela que acredita que as familias do Club CamiñAnxo completaron os quilómetros do Camiño Primitivo.





luns, 19 de abril de 2021

"Coruña Olímpica"

 O pasado xoves 15 de abril recibimos a visita do ex-judoka olímpico Victorino González. Esta actividade forma parte do programa "Coruña Olímpica" na que distintas deportistas olímpicos coruñeses intentan achegar a súa experiencia nuns Xogos Olímpicos ao alumnado dos distintos centros da cidade.

Durante 1 hora de entrevista conducida pola xornalista Lis Franco o alumnado e 5º e 6º de Primaria tivo a oportunidade de coñecer moi de preto a traxectoria deportiva e experiencia olímpica de Victorino e ademais participar realizándolle diversas preguntas. A actividade cumpriu con tódalas medidas de prevención e seguridade establecidas polo Protocolo COVID19.