domingo, 23 de abril de 2023

Os profes rétante... aceptas o desafío?

 Algúns dos mestres do cole propoñémosvos varios retos que podedes intentar superar durante os recreos da nosa Semana Saudable. Só tedes que ver o vídeo, escoller o reto que prefirades e esforzarvos por igualalo ou superalo contando para iso cos intentos que sexan necesarios. Iso si, debedes buscar a un compañeiro/a que faga de observador e "certifique" que superáchedes o reto e así podervos inscribir no listado dos alumnos/as que conseguiron "vencer" ós mestres.

Anímadevos a participar!

Fai clic na imaxe para ver o vídeo cos retos dos mestres.



xoves, 20 de abril de 2023

Semana Saudable

Entre o 24 e o 28 de abril celebraremos no cole a nosa Semana Saudable para tratar de concienciar ó noso alumando da importancia de manter uns hábitos de vida saudables no referido a actividade física, alimentación e saúde mental. Entre outras actividades realizaremos as seguintes:
- Elaboración de carteis saudables. Na área de Plástica o alumnado proporá distintas frases curtas relacionadas coa promoción de hábitos saudables e que serán trasladadas a distintos carteis que decorarán as escaleiras que a maioría da rapazada ten que subir todos os días para acceder as súas aulas.
- Retos docentes. Algúns mestres proporán disitintos retos que ipliquen actividade física para que o alumnado que o desexe intente superalos ó longo da semana no tempo de recreo. Poderedes visualizar estes retos neste mesmo blog a partir do domingo.
- “Día da EF na Rúa”. O xoves 27 de abril participaremos de novo do Día da EF na Rúa que intente dar visibilidade e reivindicar o papel da EF na educación. O alumnado do centro baixará en turnos ó longo da mañá á rúa Monte das Moas para realizar xogos ou actividades habituais nas nosas clases de EF. Se tedes a oportunidade e posibilidade estades invitados a asistir como espectadores.
- "Concurso de merendas saudables". O venres 28 de abril, celebraremos un Concurso de Merendas Saudables. Os voso fillos/as poden traer ó centro unha merenda saudable nutritiva e artística ó mesmo tempo: brochetas de froitas, figuras, bocadillos divertidos... todo vale mentres sexa saudable. Sacaremos fotos das merendas dos participantes que posteriormente compartiremos con vós.

martes, 11 de abril de 2023

Family Talent

 Ola, familias! Para comezar este terceiro trimestre propoñémosvos unha actividade para que nos mostredes o voso Talento en Familia. Emulando ós típicos programas de talentos da televisión queremos que poñades a funcionar a vosa imaxinación e o voso corpo para compartir con nós algún talento oculto que teñades na vosa familia.

A actividade é sinxela. Trátase de que nos enviedes un vídeo de breve duración (máximo 1 minuto) no que polo menos dous membros da familia (poden ser máis) aparezades completando un reto que implique actividade física. Dámosvos algunhas ideas:

- Realizar unha coreografía de baile en familia.

- Completar un pequeno percorrido de certa dificultade en patíns, patinete, bici...

- Dar un determinado número de saltos ou realizar certas habilidades coa corda de saltar.

- Realizar distintas habilidades cun balón de fútbol, baloncesto, voleibol, raquetas, discos voadores...

- Realizar equilibrios individuais, en parellas ou grupo co corpo, utilizando un "slackline", con obxectos...

Estas son só algunhas ideas pero podedes escoller outras sempre que, como xa dixemos, impliquen actividade física e conten coa participación de, como mínimo, dous membros da vosa familia.

Cando teñades o video debedes envialo ó correo edufanxo@gmail.com. Se tedes problema co envío polo tamaño do arquivo a enviar podedes facer o envío empregando algunha páxina como, por exemplo, We Transfer que facilita un enlace de descarga para dito arquivo o cal poderíades enviar ó correo antes citado.

A data límite para enviar os vídeos é o 21 de abril e cos vídeos que nos acheguedes faremos unha pequena montaxe que poderedes visualizar neste blog e que empregaremos para promover a práctica de actividade física en familia durante a semana saudable que celebraremos no colexio do 24 ó 28 de abril.

 

luns, 3 de abril de 2023

Recreos dinámicos

 Durante este segundo trimestre continuamos a incluir distintas propostas dentro dos nosos recreos dinámicos. O obxectivo non é outro que todos os nenos e nenas teñan distintas posibilidades para participar e desfrutar das actividades que organizamos durante os recreos. 

Deste xeito durante os meses de febreiro e marzo tivo lugar o I Torneo de Datchball para os cursos de 3º a 6º de Primaria. Trátase dun deporte alternativo que parte das regras do "brilé" pero con normas e dinámicas de xogo distintas que fan que desde o primeiro momento resulte moi divertido e "adictivo" para a maioría da rapazada. 

No torneo organizado para 3º e 4º de Primaria participaron un total de 6 equipos quedando en primeiro lugar o equipo "Los Cocodrilos" sendo a medalla de prata para "Os Castros" e o terceiro posto para "Los 4B y 4A". No caso de 5º e 6º de Primaria o torneo contou coa participación de 4 equipos, sendo "Pepis Gordis" quen acadou a victoria seguido de "Barça" e "Los de 5ºA y 5ºB". Nestes torneos os equipos acadaban puntos tanto polo resultado do partido como polo seu comportamento durante o mesmo valorando o seu respecto a árbitros (xogadores/as doutros equipos) e contrarios. Isto favoreceu que o bo ambiente e a deportividade reinase na maior parte dos partidos xogados.

Outra proposta para os patios do segundo trimestre foi "AnXogamos?" que consiste en ofrecer, unha vez á semana e para un curso en concreto, a posibilidade de participar nun xogo organizado e dinamizado por unha mestra ou mestre do cole. Durante este trimestre estes xogos ían enfocados a 3º e 4º de Primaria que puideron desfrutar de xogos como "O Pano", "Pies quietos!" e "Xogos con paracaídas".

Deixamos a continuación un pequeno vídeo con imaxes do comentado anteriormente.


Recreos Dinámicos 2º Trimestre