mércores, 13 de novembro de 2024

VI Carreira Kilómetros de Solidariedade

 O próximo mércores 20 de novembro para conmemorar o Día Mundial dos Dereitos da Infancia celebraremos a nosa sexta edición da Carreira Solidaria "Kilómetros de Solidariedade" organizada pola ONG "Save the Children". A carreira terá lugar nun percorrido que delimitaremos no Parque de Eirís

Nesta edición os fondos recadados polo noso colexio irá destinado para axudar os nenos/as afectados pola DINA na Comunidade Valenciá onde está a traballar esta ONG. Neste enlace tedes toda a información sobre como se usan os fondos recadados nesta actividade.

https://www.savethechildren.es/actualidad/preguntas-frecuentes-para-las-familias-coles

Explicamos detalladamente a continuación o funcionamento da carreira xa que vos (pais, nais, avós, avoas, tíos, tías...) sodes unha parte importante da mesma.

Como funciona a carreira?
  1. Busca de “patrocinadores”.
Ao longo destes días os vosos fillos levarán a casa un carnet de corredor para conseguir “patrocinador” ou “patrocinadores” entre a súa familia ou amigos adultos. O patrocinador escribe o seu nome no carnet e a cantidade que se compromete a aportar por cada volta dada ao percorrido. Una vez cumplimentado o carnet levarase de novo ao cole xa que é necesario para o día da carreira.
  1. Celebración da carreira.
O mércores 20 de novembro ás 11:00 todo o cole desprazarase ó Parque de Eirís e alí celebraremos a carreira a partires das 12 aproximadamente. Só participarán os alumnos/as de Educación Primaria, pero os nenos/as de Educación Infantil estarán presentes para animar e apoiar aos “maiores” e incluso dar unha "volta simbólica" ao percorrido. Estaremos organizados por turnos e en cada turno participará cada unha das clases, correndo ou camiñando en función das posibilidades de cada neno durante 2 minutos aproximadamente.
Deste xeito calculade que o máximo número de voltas que pode dar o voso fillo/a sexa de 2-3 no caso dos máis pequenos ou 4-6 no caso dos maiores. En función disto podedes decidir a pequena cantidade que queredes aportar por cada volta.
Trala carreira anotaremos as voltas que fixo cada un no seu carnet de corredor e entregarémosllo para que o leven a casa. Tamén recibirán un diploma que acredita a súa participación na carreira.
Se por diversas circunstancias algún neno ou nena non pode conseguir "patrocinadores", non hai ningún tipo de problema xa que pode participar igualmente na carreira con todos os seus compañeiros e compañeiras.
  1. Recadación do diñeiro dos “patrocinadores”.
Trala carreira os nenos/as levarán o carnet a súa casa e solicitarán o diñeiro “pactado” previamente. Así, se por exemplo o avó prometera 0,50 céntimos por volta e a su neta realizou 2 voltas terá que entregar 1 euro. O diñeiro se traerá nun sobre pechado ó colexio para entregarllo ó titor/a. Este ano, ó igual que o curso pasado e por cuestións organizativas, o equipo docente decidiu establecer unha máxima aportación de 1 euro por cada volta. Se algunha familia quixese realizar unha maior aportación pode facelo poñéndose en contacto coa ONG "Save the Children".

MOI IMPORTANTE: POR CUESTIÓNS DE ORGANIZACIÓN O DIÑEIRO SÓ SE PODERÁ TRAER AO COLEXIO ENTRE O 25 E O 28 DE NOVEMBRO (AMBOS INCLUSIVE). ANTES E DESPOIS DESA DATA OS MESTRES NON RECOLLERÁN NINGÚN SOBRE CON DIÑEIRO.

Aquí faremos a recadación e farémola chegar a “Save the Children” que á súa vez enviará un diploma ao centro que o acredite como participante no proxecto “Kilómetros de Solidariedade” e un recibí especificando a recadación sumada polo noso colexio.

    Agradecemos de antemán a vosa colaboración por pequena que poida parecer e recordade que cun pequeno “grao de area” entre todos podemos axudar aos que máis o necesitan.

mércores, 16 de outubro de 2024

Merenda Coruña, merenda saudable

    Un curso máis damos comezo ás nosas merendas saudables dando continuidade a unha actividade que forma parte do Plan de Vida Activa e Hábitos Saudables do centro. Con este proxecto buscamos fomentar hábitos de alimentación saudable no momento das merendas da mañá ademáis de reducir a xeración de envoltorios plásticos e envases optando por alimentos máis naturais e evitando a opción de alimentos procesados.

    Este curso, desde a área de EF, unímonos ó proxecto impulsado polo Equipo de Biblioteca que terá como eixo o coñecemento da nosa cidade, descubrindo  a súa historia e algúns dos seus sitios máis emblemáticos e así convertemos as merendas saudables en Merenda Coruña.

    En que consiste Merenda Coruña

    A partir do luns 21 de outubro comezamos o noso calendario de merendas saudables e que será o seguinte:


    Pódese acompañar "a merenda que toque" con outras opcións saudables. Por exemplo, se o luns queredes engadir algo máis cos lácteos podedes incluir tamén paiños de pan, bolachas tipo "mariñeiras", froita, froitos secos (precaución coas alerxias no seu grupo)... é dicir calquera opción que sexa saudable. Recordade, ademais, que a froita é "comodín" e pode traerse calquera día. 

    Cada día, antes de saír ó recreo, o titor/a ou os propios nenos/as comproban se a maioría do grupo cumpre coa merenda saudable (permítense entre 4 e 6 fallos en función do número de alumnos/as da clase). Se é así marcan un tic no día correpondenete e se ó final da semana consiguen 3 ou máis tics avanzan no plano da Coruña para descubrir diversos lugares e monumentos da nosa cidade e ademais gañar cromos e recompensas colectivas para o grupo: 15 minutos máis de recreo, día libre de EF, material a elixir no recreo...

    Deixámosovos unha pequena presentación do material que empregaremos nas merendas deste curso para que vos fagades unha idea máis clara do funcionamento da actividade.


Copia de Merenda Coruña

martes, 25 de xuño de 2024

Sen perder o rumbo

  O pasado venres 14 de xuño o alumnado de 4º a 6º de Primaria participou nunha carreira de orientación no Parque de Eirís. Nesta actividade o alumnado organizado en equipos de 3 tivo que buscar, axudado dos seus mapas correspondentes, as balizas ubicado en distintas zonas do parque. A pesar de que ameazou choiva a climatoloxía respetounos e poidemos celebrar todas as quendas de carreira. Con maior ou menor axuda, todos os nenos/as foron capaces de localizar todas as balizas e completar o percorrido. esta actividade puido levarse a cabo grazas á colaboración de varias nais e pais que  se ofreceron para axudar na actividade. A súa labor delimitando o percorrido e aconsellando ós nenos/as durante a actividade resultou fundamental para que todo se desenvolvese segundo o previsto. Moitas grazas a Montse mailo seu pai (perdón por non recordar o nome), Gabriela, María, Richard e tamén a Cristina, Isabel e Miriam que no último momento non puideron asistir pero tamén se ofreceron como colaboradoras.   Deixamos fotos da xornada que esperamos que vos gusten.

Copia de Orientación xuño 2023

xoves, 20 de xuño de 2024

Peregrinos por un día

  O pasado 27 de maio o alumnado de 5º e 6º dePrimaria desprazouse ata Melide para realizar parte da etapa do Camiño de Santiago que une esta localidade con Arzúa. Tivemos sorte e a climatoloxía foi favorable ó longo da mañá o que nos permitiu completar a etapa planificada de 11 kilómetros aproximadamente en algo menos de 4 horas, incluíndo a parada para a merenda realizada en Boente. De este xeito, chegamos á área fluvial de Ribadiso arredor das 14:00 para xantar e descansar antes de partir no bus rumbo a Santiago de Compostela onde durante un par de horas visitamos a praza do Obradoiro e os seus arredores. Foi un xornada completa que todos desfrutamos e da que vos deixamos un pequeno recordo en forma de montaxe fotográfico.

Vídeo Etapa Melide- Ribadiso 5º e 6º de Primaria 23-24

 

martes, 14 de maio de 2024

Coñecemos o piragüismo

 O pasado venres 10 de maio tivemos a oportunidade de coñecer o deporte do piragüismo grazas á colaboración da SD As Xubias. Sara, unha das adestradoras que traballa neste club, impartiu dúas sesións a cada un dos grupos de 4º de Primaria nas que os vosos fillos/as puideron familiarizarse coas piraguas aprendendo aspectos básicos sobre como remar e desprazarse no medio acuático. Sen dúbida todos e todas desfrutamos moitísimo da mañá coa sorte de que tivemos un sol espectacular que nos acompañou ó longo de toda a actividade. Esta actividade está enmarcada dentro do noso Proxecto de Vida Activa e Deportiva e dentro do mesmo na iniciativa "Coñece o meu club" coa que pretendemos que o noso alumnado coñeza os clubs e entidades deportivas da nosa contorna máis próxima para ter distintas opcións coas que ocupar o seu tempo de lecer de forma activa e saudable. Unha vez máis grazas á SD As Xubias pola súa colaboración e se quedachedes con ganas de máis non o dubidedes, contactade co club e probade a adestrar con eles. Deixamos un pequeno vídeo da actividade. 


Copia de Orientación xuño 2023

xoves, 25 de abril de 2024

Resumo da nosa Semana Saudable 23-24

 Deixamos a continuación un vídeo onde resumimos con imaxes as distintas actividades realizadas ó longo da nosa Semana saudable. Esperamos que vos guste e moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración!


Semana Saudable 23-24

mércores, 10 de abril de 2024

Chega a nosa Semana Saudable

 A vindeira semana celebraremos por segundo ano a Semana Saudable do Anxo. Trátase dunha semana na que realizaremos diversas actividades para concienciarnos da importancia de manter unha boa saúde a través da práctica de actividade física e o coidado da nosa alimentación ademais da importancia doutros hábitos como pode ser un descanso diario adecuado. 

As actividades principais que realizaremos serán:

- Retos docentes: os mestres/as do Anxo reatn o alumnado de 3º a 6º de Primaria para que que intented superar diversos desafíos. Podedes ver no vídeo que temos a continuación do que vos estamos a falar... O funcionamento dos retos e de como superalos están explicados no propio vídeo e nos carteis que veredes no patio do cole.



Día da Educación Física na rúa: por terceiro ano e para visualizar o traballo que realizamos nas clases de EF o mércores 17 de abril levaremos as nosas actividades e xogos á rúa Monte das Moas (diante do colexio) ó longo de toda a mañá. O noso alumnado irá baixando á rúa por quendas para participar nesta xornada e todas as familias estades convidadas a asistir como espectadores. Teredes información máis precisa dos horarios a través de Abalar.

- "Concurso de Merendas Saudables Creativas": o venres 19 de abril os nenos/as que o desexen poden traer unha merenda que ademais de saudable sexa orixinal, artística ou creativa. O curso pasado o listón quedou moi alto con todo tipo de animais elaborados con froitas, brochetas, bocadillos de diversas formas... que desbordaban orixinalidade, cor e creatividade.

- "Elaboración de carteis e pósters saudables": Na área de Educación Artística o noso alumnado creará diversos pósters e carteis con mensaxes saudable que servirán para decorar o noso cole. 



 

domingo, 31 de marzo de 2024

Continúan os patios dinámicos

 Ó longo do 2º trimestre demos continuidade ós nosos patios dinámicos fomentando diversos tipos de actividades para intentar conseguir que a maior parte do alumnado poida desfrutar de patios activos e divertidos. 

Deste xeito continuamos coa actividade "AnXogamos?" iniciada xa o curso pasado. Nun recreo de cada semana ofrecemos a posibilidade de participar nun xogo ou proposta lúdica a cada curso de 3º a 6º de Primaria. Este xogo está dinamizado por un mestre/a do centro e os nenos/as apúntanse libremente. As propostas foron variadas: xogos con paracaídas, O Pano, Relevos de 3 en raia... e terán continuidade no 3º trimestre.

Por outra banda organizouse un torneo de Datchball, xogo con certas similitudes co Brilé pero moito máis dinámico que posibilita unha maior participación dos xogadores/as e que, ademais, ten gran éxito entre os voso fillos/as. Neste campionato a puntuación de cada partido viña dada non só polo resultado dos propios encontros senón polo grao de deportividades amosada por cada un dos equipos. Desenvolveuse ó longo do trimestre e rematou coa entrega dos diplomas ós tres primeriros clasificados de cada categoría nos útimos días previos ás vacacións de Semana Santa.

Vos deixamos algunhas fotos destas actividades.

Patios Dinámicos 2º Tr 23-24

mércores, 21 de febreiro de 2024

Campo a través 23-24

 O pasado mércores 7 de febreiro o alumnado de 2º a 6º de Primaria do noso colexio participou xunto con outros centros da zona de Cambre e Coruña na carreira de campo a través organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte a través do Programa XOGADE no qu estamos inscritos como parte do noso PVAD (Proxecto de Vida Activa e Deportiva).

O evento tivo lugar co complexo deportivo de Acea de Ama onde se delimitaron percorridos adaptados a cada unha das categorías que ían a participar. Foi unha mañá chea de nervios , esforzo e superación para os vosos fillos e fillas xunto con outros nenos e nenas da súa idade.

Deixamos fotos dos momentos previos ás saídas das distintas quendas.

Campo a través 23-24