domingo, 31 de xaneiro de 2021

CamiñAnxo: Completado o Camiño do Norte!

Na terceira semana do noso club xa fomos quen de completar o Camiño do Norte e como o prometido é débeda quedan descubertos os segredos e curiosidades deste camiño e conseguida a nosa primeira "Compostela" credencial que acredita que o noso club completou os quilómetros que unen Ribadeo con Santiago. 





"Compostela" que acredita que o Club CamiñAnxo completou "virtualmente" os km do Camiño do Norte


Ademais, a través do seguinte enlace, podedes descargar unha "Compostela" personalizada para a vosa familia como recordo da vosa participación neste Camiño xunto a outras familias do cole. 

"Compostela" personalizable para as familias

Sen descanso, continuamos co seguinte reto, A Vía da Prata (254, 3 km). Partimos de A Canda, Ourense, e xa temos acumulados 53,83 quilómetros que nos sitúan en Laza. Ánimo familias e grazas de novo pola vosa participación e implicación!!

venres, 22 de xaneiro de 2021

Comeza o Torneo de Salto de Corda

 Este curso continuamos a adaptar á situación COVID os "recreos activos" que puxemos en funcionamiento o curso pasado. Polo de agora, estamos a optar por actividades que minimicen o contacto entre o alumnado e que se realicen con pouco material e, a poder ser, de uso individual. Se no primeiro trimestre o protagonista foi o peón, neste segundo trimestre outro xoguete popular, a corda, colle o relevo. Desde a próxima semana comezaremos un torneo por cursos con distintas modalidades de particiapción: individual de duración, individual de habilidade e por equipos. Aquí queda un cartel co resumo do mesmo.

venres, 8 de xaneiro de 2021

CamiñAnxo: descubre o Camiño en familia

Comeza o segundo trimestre e con el realizaremos distintas actividades relacionadas co Camiño de Santiago para así dar visibilidade ao ano Xacobeo no que entramos. Desde a área de EF queremos unirnos aportando unha nova actividade en familia que chamaremos “CamiñAnxo”. A idea é que entre todas as familias do cole sumemos quilómetros activos (camiñando, correndo, en bici, patinete, patíns…) para completar algúns dos distintos Camiños que existen e descubrir así os seus segredos. Para poder contabilizar estes quilómetros haberá que utilizar a APP Strava formando parte dun club privado para garantir que só as familias do Anxo podemos participar na actividade.

A continuación tedes unha pequena infografía cos pasos a seguir para unirse a esta actividade e, máis abaixo, un documento PDF coas instrucións detalladas que vos recomendamos ler. Se tedes algunha dúbida podedes ecribila deixando un comentario a esta entrada e a resolveremos coa maior brevidade posible.

Cantas máis familias nos unamos, máis quilómetros poderemos sumar así que animádevos, participade e… Bo Camiño!