martes, 28 de novembro de 2023

Moitas grazas, familias!

 O pasado 17 de novembro celebramos a nosa quinta edición da carreira Kilómetros de Solidariedade promovida pola ONG Save the Children e que coma na edición anterior pretende recadar fondos para aportar ó Fondo de Emerxencia Internacional usado para axudar a nenos/as e as súas familias es situacións críticas por diversos motivos como poidan ser conflitos bélicos nos seus países de orixe.

Tivemos moita sorte coa climatoloxía e desfrutamos dunha mañá soleada que fixo que a celebración da carreira puidese transcurrir sen apenas imprevistos. Ademais, moitas familas estivechedes presentes para animar aos rapaces e rapazas durante as súas quendas de carreira facendo que o ambiente da actividade fose inmellorable.
Pero a cousa non quedou aí xa que, un ano máis, o compromiso dos patrocinadores foi espectacular como así reflexa a cantidade que entre todos e todas recadamos e que xa fixemos chegar a "Save the Children". Por todo isto, pola vosa implicación e colaboración na actividade só podemos dicir "Moitísimas grazas!".
Deixamos a continuación unha pequena montaxe con algunhas imaxes da Carreira e tamén un enlace ao documento PDF co recibí que nos enviou a ONG "Save the Children" no que se reflexa o ingreso da recadación realizado polo colexio a semana pasada. 



Carreira Solidaria 2324

venres, 10 de novembro de 2023

Coñecemos a esgrima

 Durante a semana do 2 ó 6 de outubro visitounos o Club de Esgrima Centolos da Coruña para que puidésemos coñecer máis de preto este deporte. En concreto Javi, esgrimista e mestre doclub, impartiu dúas sesións a todos os cursos de Primaria na que os vosos fillos/as puideron aprender os movementos e xestos básicos da esgrima mentres se divertían realizando todo tipo de xogos e tarefas. Esta actividade está enmarcada dentro do programa "Coñece o meu club" que forma parte do noso Plan de Vida Activa e deportiva e que co que pretendemos fomentar a práctica de actividade física dentro do tempo de lecer dos vosos cativos e cativas fóra do horario lectivo. Aquí vos deixamos algunhas imaxes destes días. 

Esgrima 2324

Aprendendo a salvar vidas

Por segundo curso consecutivo, desde a área de EF, realizamos no centro un obradoiro de Primeiros Auxilios e actuación ante emerxencias para o alumnado de Primaria. Neste obradoiro traballamos contidos relacionados coa composición do botiquín de primeiros auxilios e o seu uso ante accidentes leves, a actuación ante emerxencias e como avisar ó servizo de emerxencias (112) e, no caso dos maiores de 4º a 6º, aprendizaxe e práctica da maniobra de RCP grazas ós maniquís emprestados un curso máis polo proxecto ANXOS (adestrando a nenos e xóvenes en salvar vidas)  Foi una experiencia sen dúbida moi enriquecedora e que intentaremos que teña continuidade en vindeiros cursos. Deixamos algunha imaxe da actividade.

Primeiros Auxilios 23

xoves, 9 de novembro de 2023

V Carreira "Kilómetros de Solidariedade"

  O próximo venres 17 de novembro para conmemorar o Día Mundial dos Dereitos da Infancia celebraremos a nosa quinta edición da Carreira Solidaria "Kilómetros de Solidariedade" organizada pola ONG "Save the Children". A carreira terá lugar nun percorrido que delimitaremos, no Parque de Eirís

Nesta edición, coma na do curso pasado, os fondos recadados polos colexios participantes de toda España irán destinados a un fondo de emerxencia que se usa en distintos tipos de situacións e especialmente no caso de conflitos bélicos. Neste enlace tedes toda a información sobre como se usan os fondos recadados nesta actividade.

https://www.savethechildren.es/actualidad/preguntas-frecuentes-para-las-familias-coles

Explicamos detalladamente a continuación o funcionamento da carreira xa que vos (pais, nais, avós, avoas, tíos, tías...) sodes unha parte importante da mesma.

Como funciona a carreira?
  1. Busca de “patrocinadores”.
Ao longo destes días os vosos fillos levarán a casa un carnet de corredor para conseguir “patrocinador” ou “patrocinadores” entre a súa familia ou amigos adultos. O patrocinador escribe o seu nome no carnet e a cantidade que se compromete a aportar por cada volta dada ao percorrido. Una vez cumplimentado o carnet levarase de novo ao cole xa que é necesario para o día da carreira.
  1. Celebración da carreira.
O venres 17 de abril ás 11:00 todo o cole desplazarase ao Parque de Eirís e alí celebraremos a carreira a partires das 12 aproximadamente. Só participarán os alumnos/as de Educación Primaria, pero os nenos/as de Educación Infantil estarán presentes para animar e apoiar aos “maiores” e incluso dar unha "volta simbólica" ao percorrido. Estaremos organizados por turnos e en cada turno participará cada unha das clases, correndo ou camiñando en función das posibilidades de cada neno durante 2 minutos aproximadamente.
Deste xeito calculade que o máximo número de voltas que pode dar o voso fillo/a sexa de 2-3 no caso dos máis pequenos ou 4-6 no caso dos maiores. En función disto podedes decidir a pequena cantidade que queredes aportar por cada volta.
Trala carreira os mestres, ou os propios nenos/as, anotaremos as voltas que fixo cada un no seu carnet de corredor e entregarémosllo para que o leven a casa. Tamén recibirán un diploma que acredita a súa participación na carreira.
Se por diversas circunstancias algún neno ou nena non pode conseguir "patrocinadores", non hai ningún tipo de problema xa que pode participar igualmente na carreira con todos os seus compañeiros e compañeiras.
  1. Recadación do diñeiro dos “patrocinadores”.
Os nenos/as levarán o carnet a súa casa e solicitarán o diñeiro “pactado” previamente. Así, se por exemplo o avó prometera 0,50 céntimos por volta e a su neta realizou 2 voltas terá que entregar 1 euro. O diñeiro se traerá nun sobre pechado ao colexio. Este ano, ó igual que o curso pasado e por cuestións organizativas, o equipo docente decidiu establecer unha máxima aportación de 1 euro por cada volta. Se algunha familia quixese realizar unha maior aportación pode facelo poñéndose en contacto coa ONG "Save the Children".

MOI IMPORTANTE: POR CUESTIÓNS DE ORGANIZACIÓN O DIÑEIRO SÓ SE PODERÁ TRAER AO COLEXIO ENTRE O 20 E O 23 DE NOVEMBRO (AMBOS INCLUSIVE). ANTES E DESPOIS DESA DATA OS MESTRES NON RECOLLERÁN NINGÚN SOBRE CON DIÑEIRO.

Aquí faremos a recadación e farémola chegar a “Save the Children” que á súa vez enviará un diploma ao centro que o acredite como participante no proxecto “Kilómetros de Solidariedade” e un recibí especificando a recadación sumada polo noso colexio.

    Agradecemos de antemán a vosa colaboración por pequena que poida parecer e recordade que cun pequeno “grao de area” entre todos podemos axudar aos que máis o necesitan.