domingo, 20 de abril de 2025

Resumo da Semana Saudable 24-25

 Deixamos a continuación un vídeo onde resumimos con imaxes as distintas actividades realizadas ó longo da nosa Semana Saudable. Esperamos que vos guste e moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración!

Semana Saudable 24-25

sábado, 19 de abril de 2025

Recreos dinámicos do segundo trimestre

 Durante este segundo trimestre continuamos a incluir distintas propostas dentro dos nosos recreos dinámicos. O obxectivo non é outro que todos os nenos e nenas teñan distintas posibilidades para participar e desfrutar das actividades que organizamos durante os recreos. 

Deste xeito durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo tivo lugar o noso V Torneo de Datchball para os cursos de 3º a 6º de Primaria. Trátase dun deporte alternativo que parte das regras do "brilé" pero con normas e dinámicas de xogo distintas que fan que desde o primeiro momento resulte moi divertido e "adictivo" para a maioría da rapazada. 

No torneo organizado para 3º e 4º de Primaria participaron un total de 7 equipos quedando en primeiro lugar o equipo "Salvaxes" sendo a medalla de prata para "Los Lagartos" e o terceiro posto para "Los Espaciales". No caso de 5º e 6º de Primaria o torneo contou coa participación de 7 equipos tamén, sendo "Castros FC" quen acadou a victoria seguido de "Demos do Anxo" e "Los Bunny". Nestes torneos os equipos acadaban puntos tanto polo resultado do partido como polo seu comportamento durante o mesmo valorando o seu respecto a árbitros (xogadores/as doutros equipos) e contrarios. Isto favoreceu que o bo ambiente e a deportividade reinase na maior parte dos partidos xogados.

Outra proposta para os patios do segundo trimestre foi "AnXogamos?" que consiste en ofrecer, unha vez á semana e para un curso en concreto, a posibilidade de participar nun xogo organizado e dinamizado por unha mestra ou mestre do cole. Durante este trimestre estes xogos ían enfocados a 3º e 4º de Primaria que puideron desfrutar de xogos como "O Pano", "Pies quietos!" e "Xogos con paracaídas".

Por último, desde o mes de marzo estmaos a disputar un novo torneo na segunda quenda de recreo. Nesta ocasión trátase dun torneo de salto de comba por equipos na que os nenos/as enfróntanse en partidas de 5 roldas dun minuto de duración para tratar de sumar o maior número de saltos posibles tendo en conta que os saltos de 2 ou 3 xogadores/as á vez contan dobre ou triple en cada caso.

Deixamos a continuación un pequeno vídeo con imaxes do comentado anteriormente.

Recreos Dinámicos 2 Tri 2425

xoves, 10 de abril de 2025

Puntos de Actividade Física: Móvete máis!

 Como ben sabedes, o noso PVAD (Plan de Vida Activa e Deportiva) busca fomentar a práctica de actividade física do noso alumnado durante a súa xornada lectiva. Desde este mes de abril e coincidindo coa celebración da Semana Saudable propoñemos unha nova posibilidade para que os vosos fillos/as poidan achegarse ó obxectivo de 60 minutos de actividade física diaria recomendados pola OMS. Trátase dos PAF (Puntos de Actividade Física) repartidos polo colexio e que permiten que os alumnos/as que pasen por diante deles poidan deterse realizar a actividade e continuar o se camiño (ir ó baño, ir a buscar fotocopias, desprazarse a outra aula...) se así o desexan. Deixamovos os carteis repartidos a día de hoxe polo cole e algunhas fotos do alumnado poñemdo en práctica esta actividade.


PAF Anxo
Collage PAF

venres, 4 de abril de 2025

Os mestres e mestras rétante! Aceptas o desafío?

 

 Algúns dos mestres do cole propoñémosvos varios retos que podedes intentar superar durante os recreos da nosa Semana Saudable. Só tedes que ver o vídeo, escoller os retos que prefirades e esforzarvos por igualar ou superar 4 dos 6 retos existentes na marca A ou B realizando os intentos que sexan necesarios. Iso si, debedes buscar a un compañeiro/a que faga de observador e "certifique" que superáchedes o reto e así podervos inscribir no listado dos alumnos/as que conseguiron "vencer" ós mestres.

Anímadevos a participar!

Chega a nosa Semana Saudable

 Entre o 7 e o 11 de abril celebraremos de novo a nosa Semana Saudable para tratar de concienciar ó noso alumando da importancia de manter uns hábitos de vida saudables no referido a actividade física, alimentación e saúde mental. Entre outras actividades realizaremos as seguintes:

- Elaboración de carteis saudables. Na área de Arts and Crafts o alumnado proporá distintas frases curtas relacionadas coa promoción de hábitos saudables e que serán trasladadas a distintos carteis que decorarán as escaleiras que a maioría da rapazada ten que subir todos os días para acceder as súas aulas.
- Retos docentes. Algúns mestres proporán disitintos retos que impliquen actividade física para que o alumnado que o desexe intente superalos ó longo da semana no tempo de recreo. Podedes visualizar estes retos neste mesmo blog.
- “Día da EF na Rúa”. O martes 8 de abril participaremos de novo do Día da EF na Rúa que intenta dar visibilidade e reivindicar o papel da EF na educación. O alumnado do centro baixará en turnos ó longo da mañá á rúa Monte das Moas para realizar xogos ou actividades habituais nas nosas clases de EF. Se tedes a oportunidade e posibilidade estades invitados a asistir como espectadores.
- "Concurso de merendas saudables". O venres 11 de abril, celebraremos un ano máis o Concurso de Merendas Saudables. Os voso fillos/as poden traer ó centro unha merenda saudable nutritiva e artística ó mesmo tempo: brochetas de froitas, figuras, bocadillos divertidos... todo vale mentres sexa saudable. Sacaremos fotos das merendas dos participantes que posteriormente compartiremos con vós.